Xornada de portas abertas do proxecto ERN4mob en Vimianzo

Os pasados días 16, 17 e 18 de marzo daba comezo o proxecto ERN4mob (European Rural Network for Mobility), cofinanciado polo programa Europa cos Cidadáns 2014-2020 da Unión Europea (Medida 2.2: Redes de Cidades). Ademais da reunión de posta en marcha e reunións de traballo, as actividades deste primeiro encontro internacional —dos sete que se levarán a cabo durante o proxecto— incluíron a xornada de portas abertas «Afrontar a inmigración, a emigración e a exclusión social asociada nas comunidades rurais europeas», o día 18 na Casa da Cultura de Vimianzo.

Logo do proxecto ERN4mob

A parte matinal da xornada comezou coa charla «Preguntas sobre a Unión Europea? Servizos de información e asesoramento da Comisión Europea», a cargo de Cristina Couto (Europe Direct, Deputación da Coruña), e continuou coa titulada «Axenda 20 para o Emprego: emprego para un novo modelo produtivo baseado no crecemento», por Covadonga Toca Carús (secretaria xeral de Emprego da Consellería de Economía, Emprego e Industria). Despois houbo a ocasión de asistir a un panel de experiencias institucionais, con representantes do proxecto RedeXiana para a promoción da empregabilidade (Sofía Agrafojo Rey, Servizo de Desenvolvemento Territorial e Medio Ambiente da Deputación da Coruña), o Proxecto Symbios para o desenvolvemento territorial inclusivo (Carlos Santos Guerrero, Servizo de Coordinación de Servizos Socias Comunitarios, Dirección Xeral de Inclusión Social), o Proxecto Galeuropa para a mobilidade da xuventude (Emilio González, Concello de Camariñas) e o Centro de Apoio ás Minorías Étnicas de Newry e Mourne para a inclusión social (Justyna McCabe, Newry, Mourne and Down District Council).

Pola tarde, a xornada incluíu a charla «Traballar en Europa, a Rede Eures», a cargo de Covadonga López López (Oficina de Apoio ao Empregador, Servizo Público de Emprego de Galicia) e o panel de experiencias persoais sobre mobilidade na Unión Europea (con Paula García Costa, Dulce María Ruiz Ordóñez, Ricardo Pérez Villar, Renate Berninger-Kolb e Rupert Kolb e mais Tomáš Petrík e Dominik Valiga), e finalizou cunha viaxe virtual a cada territorio do proxecto (Kostrzyn nad Odra, de Polonia; Alto Alentejo, de Portugal; distrito de Newry, Mourne e Down, do Reino Unido; Petrosino, de Italia; Zemplínske Hámre, de Eslovaquia; e Vimianzo).

INDA Iniciativas encargouse da tramitación do proxecto, ademais de prestar asistencia técnica na organización deste encontro internacional de posta en marcha e presentación.

Noticia do encontro internacional na web do Concello de Vimianzo

Noticia do encontro internacional en La Voz de Galicia

Noticia da xornada de portas abertas en La Voz de Galicia