Congreso internacional sobre migraciones

[Disculpas, este artículo no está disponible en español] Os pasados 4, 5 e 6 de outubro, a Casa da Cultura de Vimianzo acolleu con grande éxito o congreso internacional «Emigración e inmigración por razóns laborais no rural da Unión Europea». O congreso, organizado polo Concello de Vimianzo en colaboración con Inda Iniciativas SL, Urzad Miasta Kostrzyn nad Odra (Polonia), Comunidade Intermunicipal do Alto Alentejo (Portugal), Newry, Mourne and Down District Council (Irlanda do Norte, Reino Unido), Comune di Petrosino (Italia) e Obec Zemplinske Hámre (Eslovaquia), contou coa supervisión do comité científico conformado polo ESOMI (Equipo de Socioloxía das Migracións Internacionais), pertencente á Facultade de Socioloxía da Universidade da Coruña.

Este congreso internacional enmárcase no proxecto europeo «ERN4mob – European Rural Network for Job Mobility», pertencente ao programa Europa cos Cidadáns 2014-2020, que ten como obxectivo principal conectar as persoas de diferentes países da Unión Europea e máis alá da Unión que viven conxuntamente nas mesmas comunidades locais, para sensibilizar acerca dos seus valores e necesidades comúns, así como para promover o empoderamento das súas diferenzas sociais e multiculturais, a través da creación dunha rede de municipios rurais europeos para a mobilidade laboral que funcione a favor da integración social e laboral da cidadanía, co fin de lograr un crecemento intelixente, sustentable e integrador da Europa rural 2020.

Ao longo das tres xornadas, sucedéronse relatorios, paneis expositivos e paneis de experiencias, relacionados todos cos movementos migratorios en Europa, e non faltaron perspectivas e testemuños da emigración galega. Así, xunto a paneis como «A mobilidade en Europa na actualidade» ou «A acción da sociedade diante da migración» tamén houbo lugar para as experiencias de emigrantes retornados de Canadá, Suíza ou o Reino Unido. O congreso acolleu ademais a presentación de comunicacións científicas en tres mesas (sobre emigración galega, inmigración en Galicia e retos da Europa rural ante as migracións, respectivamente), e presentou os resultados e as perspectivas de futuro para o proxecto ERN4mob.

 

Programa do congreso internacional (PDF, 1,12 MB)

Unha das noticias do congreso internacional en La Voz de Galicia

Noticia do congreso en El Correo Gallego