Comparte!
O programa Erasmus+, moito máis que intercambios universitarios
O programa Erasmus+, convocado pola Unión Europea o pasado mes de decembro, servirá para acceder a axudas, prácticas laborais e actividades de voluntariado nos próximos sete anos no ámbito da educación, a formación, a xuventude e o deporte. O orzamento ata 2020 é de 14 700 millóns de euros, dos cales o 60 % se destinará a programas de mobilidade; un 43 % está reservado á educación superior. Para 2014 o presuposto é de 1507,3 millóns de euros.
Erasmus+ é un programa de acción que abarcará os ámbitos da educación e a formación a todos os niveis, cunha perspectiva de aprendizaxe permanente, incluída a educación escolar (Comenius), a educación superior (Erasmus), a educación superior internacional (Erasmus Mundus), a educación e a formación profesionais (Leonardo da Vinci), a aprendizaxe de adultos (Grundtvig) e os estudos europeos (Jean Monnet). Ademais, outros ámbitos serán a xuventude (Xuventude en Acción), en particular a aprendizaxe non formal e informal, e o deporte, nomeadamente o de base. Á parte da mobilidade estudantil, Erasmus+ busca tamén o intercambio entre organismos e institucións, profesores e responsables universitarios.
Este programa abrangue as accións clave «Mobilidade das persoas por motivos de aprendizaxe» (mobilidade no ámbito da educación, a formación e a xuventude; titulacións de mestrado conxuntas e eventos a grande escala do Servizo Voluntario Europeo), «Cooperación para a innovación e o intercambio de boas prácticas» (asociacións estratéxicas no ámbito da educación, a formación e a xuventude, alianzas para o coñecemento, alianzas para as competencias sectoriais e reforzo de capacidades no ámbito da xuventude) e «Apoio á reforma das políticas» (diálogo estruturado entre os os mozos e mozas e os responsables da toma de decisións no ámbito da xuventude). Ademais, están as accións Jean Monnet (cátedras, módulos, centros de excelencia, redes, proxectos, apoio a institucións e asociacións) e mais as actividades deportivas (asociacións en colaboración no ámbito do deporte, e acontecementos deportivos europeos sen ánimo de lucro).
Pode solicitar financiamento con cargo ao programa Erasmus+ calquera entidade pública ou privada que traballe no ámbito da educación, a formación, a xuventude e o deporte; alén diso, algunhas accións están abertas tamén a organizacións do ámbito laboral e social. Ademais, os grupos de mozos e mozas que traballen no sector da xuventude —aínda que non necesariamente no marco dunha organización xuvenil: por exemplo, grupos informais—, poderán solicitar financiamento para mobilidade por motivos de aprendizaxe de mozos, estudantes ou traballadores, así como para asociacións estratéxicas no ámbito da xuventude. Non obstante, hai que ter en conta que a elixibilidade dos beneficiarios varía en función de cada acción.
As datas límite para a presentación de proxectos son diferentes para cada tipo de acción; a máis próxima (mobilidade das persoas no ámbito da educación, a formación e a xuventude, conxuntamente) é o próximo 17 de marzo de 2014.
INDA Iniciativas está xa a traballar en propostas, e ofrece a súa experiencia en asesoramento e xestión integral en calquera das accións. Para maior información sobre calquera das accións do programa, non dubide en contactar connosco.