Comparte!

INDA Iniciativas participa en Sicilia no arranque do proxecto europeo LDA-NEXT

13 de March de 2026 | Noticias, Programas europeos |
INDA Iniciativas participa estes días en Siracusa (Italia) no encontro inicial do proxecto europeo LDA-NEXT – Empowering Local Development Agents for a Cohesive Europe, unha iniciativa financiada polo programa Erasmus+.
O proxecto ten como obxectivo fortalecer o papel dos profesionais do desenvolvemento local e das axencias de desenvolvemento en zonas rurais e remotas de Europa, recoñecendo a súa importancia para impulsar o crecemento económico, a cohesión social e a sustentabilidade territorial.
A iniciativa está coordinada pola entidade italiana ISPAL (Sicilia) e conta coa participación de LIMEUP (Toscana, Italia), INDA Iniciativas e a Asociación de Profesionais de Desenvolvemento Local de Galicia (AFIPRODEL), ambas de España.
O encontro, que se celebra do 10 ao 12 de marzo en Siracusa, reúne a representantes das entidades socias para poñer en marcha as primeiras actividades do proxecto e definir a súa folla de ruta para os próximos dous anos. No encontro participa tamén unha delegación galega formada por INDA Iniciativas e representantes de AFIPRODEL.
A participación dos seis representantes de AFIPRODEL, con ampla experiencia no ámbito do desenvolvemento e da xestión local en diversos municipios, permitirá compartir a experiencia acumulada en Galicia, onde a figura do Axente de Desenvolvemento Local está amplamente implantada nos concellos e desempeña un papel clave na dinamización económica e social do territorio.
Ao mesmo tempo, o proxecto facilitará o intercambio de coñecementos con outras rexións europeas, especialmente con Italia, contribuíndo a mellorar as estratexias de desenvolvemento rural e a fortalecer a cooperación entre territorios.
O proxecto LDA-NEXT, que se desenvolverá entre 2025 e 2027, parte da idea de que o desenvolvemento local é clave para afrontar os retos dos territorios rurais, como a despoboación, a falta de oportunidades ou as desigualdades territoriais. Neste contexto, os Axentes de Desenvolvemento Local desempeñan un papel fundamental ao traballar con administracións públicas, empresas e cidadanía para impulsar iniciativas económicas, sociais e culturais.
Durante o seu desenvolvemento, o proxecto incluirá encontros internacionais, actividades de investigación, formación e difusión, co obxectivo de reforzar o impacto do desenvolvemento local nas comunidades rurais europeas.
Espérase que esta primeira reunión en Italia marque o inicio dunha colaboración estable entre territorios europeos e contribúa a consolidar unha rede europea de profesionais do desenvolvemento local, capaz de impulsar novas iniciativas e fortalecer o desenvolvemento sostible das zonas rurais.

Leave A Comment