Xornadas «Cooperativismo e xuventude»

INDA Iniciativas desenvolveu durante as últimas semanas, para a Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Xunta de Galicia, en colaboración coa Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, unha serie de catro xornadas baixo o título de «Cooperativismo e Xuventude».

As xornadas estaban dirixidas a mozos e mozas en busca de emprego, e especialmente a estudantes de centros universitarios e a alumnos de centros de formación profesional, formación ocupacional e formación secundaria. Desenvolvéronse en Lugo (19 de novembro), Santiago de Compostela (26 de novembro), Ourense (3 de decembro) e Vigo (10 de decembro), con inscrición gratuíta. O programa incluíu intervencións de diversos especialistas; así, en cada xornada a propia Dirección Xeral de Traballo foi responsable dunha charla sobre os recursos e apoios para emprender; Ugacota (Unión de Cooperativas de Traballo Asociado) encargouse doutra sobre as vantaxes competitivas do traballo cooperativo; Agaca (Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias) impartiu unha acerca do emprendemento cooperativo no rural, e a cooperativa Xedega Asesores & Consultores outra sobre a posta en marcha dun proxecto cooperativo. Como final de cada xornada, uns paneis de experiencias reuniron diferentes cooperativas de toda Galicia: Ailalelo Deseño Gráfico (Lugo), Fontefría (Palas de Rei), Cestola na Cachola (Lalín), Entre Pedras, Encomún e Feitoría Verde (Santiago) e A Meixoeira (Moaña).

INDA Iniciativas encargouse da xestión global do proxecto, o que incluíu ademais a produción dunha guía de 24 páxinas acerca do cooperativismo e as súas vantaxes para a xuventude. A imaxe gráfica correu a cargo do ourensán Blau Estudio.

Cartel da xornada «Cooperativismo e xuventude» en Vigo

Noticia sobre as xornadas na web da Xunta

A xornada de Lugo, no Xornal da Universidade de Santiago de Compostela

Referencia á xornada de Santiago en El Correo Gallego