Proxecto «Youth Acting in Rural Europe»

Entre o 28 de xuño e o 5 de xullo levouse a cabo en Vimianzo (A Coruña) o proxecto «Youth Acting in Rural Europe», consistente nun intercambio xuvenil con actividades durante 8 días. Nel participaron mozos e mozas de seis países da Unión Europea (Portugal, Irlanda, Francia, Italia, Eslovaquia e España).

«Youth Acting in Rural Europe» é un proxecto europeo dirixido á xuventude, que xira ao redor das temáticas do emprendemento xuvenil, a iniciativa social e o intercambio patrimonial natural e cultural, como eixos do desenvolvemento local rural e da construción dunha identidade europea común. O proxecto está cofinanciado polo programa ERASMUS+ 2014-2020, e ten como obxectivo mellorar as competencias dos mozos e mozas participantes no proxecto en relación con esas temáticas, a través da aprendizaxe non formal.

Os obxectivos específicos do proxecto son o fomento e a posta en práctica de competencias pre-laborais —como a iniciativa empresarial, a creatividade, o traballo en equipo, a comunicación, a negociación…—; o fomento da participación dos mozos e mozas nas accións de dinamización social e do patrimonio e tradicións da vida local; o fomento do sentimento de pertenza común á UE; a sensibilización da mocidade cara a valores como a solidariedade, a amizade, a democracia, a cooperación e a empatía; a adquisición de coñecementos sobre outras realidades culturais, e de habilidades e actitudes que lles permitan levar a cabo unha intercomunicación cultural positiva, cara á convivencia multicultural enriquecedora e o intercambio cultural activo; e a sensibilización sobre a necesidade de adquirir hábitos de lecer saudables relacionados coa participación positiva na contorna ambiental e comunitaria e a práctica de actividades ao aire libre.

O intercambio incluíu actividades de aprendizaxe non formal e informal, consistentes en talleres, presentacións, debates, dinámicas, actividades deportivas e de lecer ao aire libre, xogos de rol, visitas, etcétera. Así mesmo, os mozos e mozas tiveron a oportunidade de coñecer desde a práctica unha experiencia de iniciativa local, xa que os días de intercambio coincidiron coas accións de preparación e participación cidadá no «Asalto ao Castelo de Vimianzo», evento de valorización do patrimonio cultural da localidade.

O proxecto «Youth Acting in Rural Europe» foi promovido polo Concello de Vimianzo, xunto con institucións doutros cinco países: outros dous concellos, de Italia e Eslovaquia (Tortona e Zemplínske Hámre), a asociación promotora do Ecomuseu de Barroso (Portugal) e dúas organizacións que traballan no ámbito da xuventude, Ballyfermot Youth Service (Irlanda) e Je voyage donc je suis (Francia).

Os participantes foron mozos de entre 18 e 25 anos, residentes principalmente no medio rural europeo. Na selección de participantes deuse prioridade a mozos e mozas pertencentes a contornas sociais desfavorecidas e en situación de inactividade.

Con anterioridade ao intercambio, organizouse unha visita previa de planificación; esta desenvolveuse en Vimianzo o 4 e o 5 de xuño e foi organizada polo Concello de Vimianzo, en colaboración coas demais entidades socias do proxecto, co principal obxectivo de formalizar os acordos de colaboración e preparar o intercambio previsto, así como para intercambiar boas prácticas e experiencias desenvolvidas por estas no ámbito da mocidade.

INDA Iniciativas colaborou coa entidade promotora do proxecto prestando apoio na planificación, na preparación e no desenvolvemento das súas actividades.

Folleto promocional do proxecto «Youth Acting in Rural Europe»

Referencia ao intercambio xuvenil en La Voz de Galicia