Comparte!

O instrumento PEME de Horizonte 2020

4 de Marzo de 2015 | Noticias, Programas europeos |

As pemes innovadoras poderían ter un papel de grande importancia como axuda á UE para saír da crise económica, así como para a creación de emprego. Non obstante, o potencial de comercialización das solucións innovadoras das pemes vese dificultado por varios obstáculos, incluíndo a non realización das probas de concepto, a dificultade de acceso ao financiamento de risco, a falta de creación de prototipos, a falta de estudos progresivos etc. Por tanto, o crecemento necesita ser estimulado, aumentando os niveis de innovación nas pemes, ou ben cubrindo as diferentes necesidades durante todo o ciclo da innovación. O instrumento PEME diríxese ás pequenas e medianas empresas da UE e dos países asociados ao Programa Horizonte 2020, e divídese en 3 fases separadas e un servizo de orientación e titoría para os beneficiarios.

A fase 1 consiste na elaboración dun estudo de viabilidade co fin de verificar a viabilidade tecnolóxica ou práctica, así como económica, dunha idea ou concepto innovador que achegue un alto grao de novidade ao sector da industria en que se presenta (novos produtos, procesos, servizos e tecnoloxías ou novas aplicacións no mercado das tecnoloxías existentes). O seu obxectivo é avaliar a viabilidade do proxecto, con avaliación de riscos, estudo de mercado, participación dos usuarios, xestión da propiedade intelectual, desenvolvemento de estratexias de innovación, busca de socios, viabilidade de concepto e similares, para establecer un proxecto sólido de innovación de alto potencial en liña coa estratexia da empresa e de dimensión europea.

Na fase 2, de demostración, replicación de mercado e I+D, serán financiados os proxectos de innovación que demostren un alto potencial en termos de competitividade e crecemento da empresa, e que estean apoiados por un plan estratéxico de negocios. O seu obxectivo é desenvolver e demostrar a innovación proposta, mediante accións de innovación, como demostración, probas, prototipos, proxectos piloto, miniaturización, aumento sistemático, deseño, aplicacións comerciais e similares, para achegar unha idea innovadora (produto, proceso, servizo etc.) á preparación e madurez industrial para a introdución no mercado, así como incluír algunhas accións de investigación. As propostas terán que se basear nun plan de negocios xa elaborado a través da fase 1, ou ben mediante outros medios.

Na fase 3, de comercialización, as pemes poderán beneficiarse de medidas indirectas de apoio e servizos, así como das facilidades financeiras ofrecidas mediante o acceso ao financiamento de risco previstas no plan de traballo do Programa Horizonte 2020. O obxectivo é neste caso ofrecer coaching de negocios de forma gratuíta. Aos beneficiarios seleccionados durante as fases 1 e 2 ofreceráselles asesoramento e apoio, a través da rede Enterprise Europe Network. Ao longo das tres fases do instrumento PEME, a rede complementará este apoio de coaching, facilitando o acceso á súa oferta de servizos de innovación e internacionalización.

O instrumento PEME financia pequenas e medianas empresas que operan dentro de 13 ámbitos de actuación concretos: innovación en TIC de alto risco, nanotecnoloxía (ou outra tecnoloxía avanzada para a fabricación e materiais), investigación e desenvolvemento espacial, investigación clínica para a validación de dispositivos e biomarcadores de diagnóstico, produción e procesamento sostible de alimentos, crecemento azul (marítimo), sistemas de enerxía de baixo carbono, transporte máis ecolóxico e máis integrado, eco-innovación e subministración de materia prima sostible, infraestrutura urbana crítica, procesos industriais baseados na biotecnoloxía, aplicacións de goberno electrónico para móbiles e innovación dos modelos de negocio para as pemes.

O orzamento na fase 1 será como máximo de 50 000 euros, como subvención a fondo perdido, cun financiamento do 70 % por parte da UE e cunha duración de seis meses. Polo que respecta á fase 2, o orzamento poderá estar entre o medio millón e os 2,5 millóns de euros, como subvencións a fondo perdido, financiada ao 70 % pola UE, cunha duración de entre 12 e 24 meses.

As convocatorias están abertas todo o ano, pero as próximas datas de corte para as fases 1 e 2 son o 18 de marzo de 2015, o 17 de xuño de 2015, o 17 de setembro de 2015 e o 16 de decembro de 2015.

Desde INDA Iniciativas xestionamos estas axudas e axudámoslle a desenvolver o proxecto para a súa pequena ou mediana empresa. Consúltenos sen compromiso.

Vídeo explicativo de Horizonte 2020 (eshorizonte2020.es)