Comparte!
INDA Iniciativas participa na Costa da Morte nun encontro europeo sobre desenvolvemento local e rural
INDA Iniciativas participou os pasados 5 e 6 de outubro de 2026 nun encontro europeo sobre desenvolvemento local e rural que se levou a cabo en Muxía, no marco do proxecto LDA-NEXT – Potenciar aos axentes de desenvolvemento local para unha Europa cohesionada, cofinanciado polo programa Erasmus+.
O encontro, organizado por AFIPRODEL, reuniu tamén as entidades italianas LIMEUP e ISPAL, socias do proxecto xunto con INDA Iniciativas. Durante as dúas xornadas, combináronse sesións de traballo sobre o papel dos axentes de desenvolvemento local (ADL), intercambio de experiencias e visitas a boas prácticas da Costa da Morte.
A mañá do luns estivo dedicada a un taller transnacional sobre as funcións, os retos e a contribución dos ADL ao desenvolvemento territorial; nel presentáronse os avances do proxecto e os resultados preliminares da análise de boas prácticas. A primeira parte desenvolveuse en formato híbrido, para facilitar a participación doutras entidades galegas e italianas, e incluíu unha sesión interactiva de intercambio de experiencias e unha quenda de preguntas.
A programación continuou de forma presencial, con intervencións de diversas autoridades públicas e actores crave vinculados o desenvolvemento local do territorio, co obxectivo de compartir perspectivas sobre o papel dos axentes de desenvolvemento local e reforzar a cooperación entre as distintas entidades implicadas.
Pola tarde, INDA Iniciativas participou xunto ao resto de socios na segunda reunión do Comité de Dirección de LDA-NEXT, na que se revisaron os resultados alcanzados ata o momento e planificáronse as seguintes accións do proxecto.
Alén das sesións de traballo, as entidades participantes tiveron a oportunidade de coñecer experiencias de desenvolvemento local e rural da Costa da Morte. O luns visitaron Bela Muxía e Abrumar e realizaron un percorrido por parte da Ruta do Percebe ata o Santuario da Virxe da Barca. O martes desenvolvéronse novas visitas a boas prácticas e lugares emblemáticos da comarca.
A participación de INDA Iniciativas neste encontro contribuíu a reforzar a cooperación entre Galicia e Italia, favorecer o intercambio de coñecementos e experiencias e avanzar no recoñecemento e fortalecemento do papel dos axentes de desenvolvemento local en Europa, á vez que permitiu poñer en valor o potencial cultural, turístico e rural da Costa da Morte.


